Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2023

Sobre o concurso

A Xunta de Galicia premiará aos mellores proxectos arquitectónicos de edificacións realizados nos últimos anos nos eidos da arquitectura e a rehabilitación a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional nas categorías de arquitecto/a e aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a.

A importancia destes premios queda patente ao estar incluídos expresamente no eixe 1 da liña estratéxica D do Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, asinado o 20 de xaneiro de 2021 polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da vivenda de Galicia, documento que recolle as liñas de actuación pública nesta materia, constituíndo o instrumento fundamental da planificación das políticas públicas na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2025.

Nesta edición, a cuarta, estes premios supoñen o recoñecemento á calidade das edificacións rematadas nos anos 2020, 2021 e 2022, tanto de obra nova como de rehabilitación. Cabe destacar, así mesmo, os dous premios especiais: o de sustentabilidade e á traxectoria profesional; o primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co ambiente, en consonancia cos programas desenvolvidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en especial a Estratexia Galega de cambio climático e Enerxía 2050, as Directrices de Ordenación do Territorio e a Estratexia da Paisaxe galega. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego por parte das persoas arquitectas, aparelladoras e arquitectas técnicas.

Os premios, que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun valor total de 30.000 euros, teñen as seguintes modalidades e dotacións:

1. Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €

2. Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

Premios especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:

a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 6.000 €

b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego nas categorías de arquitecto/a e aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a. Dotación económica: 6.000 € para cada unha das categorías.

Poderán optar a estes premios, agás o especial á traxectoria profesional 2023, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.

A presentación das candidaturas será realizada por parte dalgunha das institucións que formarán parte do xurado, que estará presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

A presentación poderán realizala dende o primeiro día hábil seguinte ao de publicación desta resolución no DOG e ata o 31 de marzo de 2023.

Caixa de suxestións:

O IGVS pon a disposición do público en xeral una caixa de suxestións na aplicación premiosarquitectura.xunta.gal. á que poden remitirse suxestións para que o organismo, como entidade do xurado, poda telas en conta para facer a proposta prevista nas bases para os premios galegos de arquitectura, de rehabilitación e ao especial á sustentabilidade.

Na caixa de suxestións indicarase a modalidade do premio para a que se presenta a suxestión, a localización da obra, a descrición do proxecto, a data de terminación da obra e os datos identificativos da persoa autora do proxecto (nome/razón social e enderezo). Deberá achegarse a documentación prevista nas bases:

• Imaxes: Un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato .jpg, relativos ao correspondente proxecto.

• Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.

• Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.

• Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos, sobre o proxecto proposto.

• Para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.

• Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.

Bases do concurso

Primeira. Modalidades de premios

Establécense as seguintes modalidades de premios:

1. Premio galego de arquitectura 2023. O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura 2023 entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou unha ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €.

2. Premio galego de rehabilitación 2023. O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación 2023 entre os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €.

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio, poderán ser obxecto de mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a seguir:

a) Á sustentabilidade 2023, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 6.000 €.

b) Á traxectoria profesional 2023, destinada a recoñecer a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura no territorio galego nas categorías de arquitecto/a e aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a. Dotación económica: 6.000 € para cada unha das categorías

Segunda. Condicións dos proxectos e das persoas premiadas

1. Poderán optar aos premios, agás o especial á traxectoria profesional 2023, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022.

2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.

3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional 2023 as persoas arquitectas, aparelladoras e arquitectas técnicas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.

Terceira. Presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2023

1. As entidades que, segundo a base quinta, teñan representación no xurado, poderán presentar candidaturas para os premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2023. A presentación poderán realizala dende o primeiro día hábil seguinte ao de publicación desta resolución no DOG e ata o 31 de marzo de 2023.

2. A presentación das candidaturas require que a través da aplicación informática que, para estes efectos, figura na páxina web do IGVS, se achegue a seguinte documentación:

a) Autorización das persoas autoras dos proxectos á entidade propoñente para presentar a súa candidatura, así como o seu consentimento expreso ao IGVS para poder publicar, difundir e dar publicidade aos proxectos e ao material achegado coa proposta, segundo o modelo dispoñible na devandita aplicación. No suposto de que se presenten conxuntamente un elevado número de candidaturas, estes anexos poderán substituírse por unha declaración responsable da entidade propoñente de que conta coas ditas autorizacións de todas as persoas autoras dos proxectos propostos.

b) Imaxes: admitirase un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato jpg, relativos ao correspondente proxecto.

c) Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.

d) Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.

e) Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos sobre o proxecto proposto.

f) Os proxectos que se presenten para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.

Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.

3. Cumpridas as formalidades anteriores, a aplicación informática xerará un documento resumo da documentación presentada, en formato pdf, que a entidade propoñente deberá achegar obrigatoriamente por medios electrónicos coa proposta (anexo II), a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das entidades propoñentes presenta a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da documentación aquela na que fose realizada a emenda. Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. As entidades propoñentes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o xurado poderá requirir a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

6. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados.

7. Os proxectos propostos poderán ser visualizados na ligazón que, para estes efectos, se dispoña na páxina web do IGVS.

8. A documentación presentada quedará á disposición da organización dos premios, que poderá utilizala para a súa difusión en calquera tipo de formato ou soporte.

Cuarta. Propostas de premios á traxectoria profesional 2023

As propostas para o outorgamento dos premios á traxectoria profesional 2023 serán presentadas no seo do xurado polas entidades con representación nel, e deberán vir avaladas pola correspondente xustificación.

Quinta. Composición do xurado

1. O xurado estará presidido pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Así mesmo, formarán parte do xurado, as seguintes persoas:

a) A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

c) A persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

d) A persoa que designe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

e) A persoa que designe a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

f) A persoa que designe a Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

g) A persoa que designe a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña.

h) A persoa que designe o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

i) A persoa que designe o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

j) A persoa que designe a Federación Galega da Construción.

k) A persoa que designe a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

2. Actuará como secretario/a do xurado a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

Sexta. Funcionamento do xurado

1. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As reunións do xurado celebraranse nas datas sinaladas pola súa presidencia e terán lugar na sede que o IGVS ten en Santiago de Compostela. Tamén poderán celebrarse telematicamente se así o acorda o xurado.

3. Corresponde á presidencia do xurado a interpretación das presentes bases, así como a resolución daqueles aspectos non determinados nelas.

Sétima. Deliberacións e decisión do xurado

1. Nas candidaturas aos premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2023, o xurado poderá realizar unha selección previa de proxectos finalistas, entre os cales se elixirá un ou varios proxectos gañadores para cada unha das modalidades dos premios. Así mesmo, o xurado poderá facer mencións honoríficas, sen dotación económica, a aquelas actuacións que aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

2. As decisións do xurado tomaranse por maioría dos presentes na deliberación e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da súa presidencia.

3. O xurado poderá declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen o mérito necesario para acadaren a distinción, así como conceder o premio ex aequo a máis dun proxecto.

4. O xurado emitirá a súa decisión, con mención aos valores dos proxectos galardoados que os fan meritorios da distinción recibida.

Oitava. Difusión e publicidade

1. O IGVS poderá publicar na súa páxina web os proxectos presentados e, de ser o caso, os seleccionados como finalistas polo xurado, os mencionados e, en todo caso, os galardoados.

2. Tras a decisión do xurado, daranse a coñecer os proxectos premiados e farase entrega, en acto público, dos correspondentes galardóns ás persoas premiadas.

3. O IGVS dará a correspondente publicidade, tanto ás persoas galardoadas como aos proxectos premiados, e pode, para tal efecto, utilizar o material achegado coa proposta de candidatura, así como proceder á súa divulgación a través das publicacións, exposicións, conferencias ou calquera outra actuación que coide oportuna.

Premio á traxectoria profesional: aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a

Mencións

Premio de arquitectura

AUDITORIO E ESCOLA DE MÚSICA DO GROVE
Mención en Premio gallego de arquitectura 2023

En esta obra el jurado destaca la adaptación a un entorno especialmente complejo. El edifico que, en su interior, resuelve perfectamente los requerimientos funcionales específicos para los que fue construido, y quien…

SURF_HOUSE
Mención en Premio de arquitectura 2023

El jurado destaca la calidad arquitectónica de esta obra que destaca por la fluidez de los espacios interiores y conjuga la sencillez y la exquisitez a través del uso de materiales tradicionales, de la calidad del…

Premio galego de rehabilitación

BERBÉS UVIGO
Mención en premio galego de rehabilitación

En esta obra, el jurado valora que se trata de un edificio dotacional, innovador en el uso descarado de la madera y de una complejidad estructural y morfológica notable, con un importante peso de la memoria histórica…

REHABILITACION E AMPLIACION DE EDIFICIO PARA DÚAS VIVENDAS DUPLEX E GARAXE
Mención en Premio de rehabilitación 2023

El jurado destaca la calidad arquitectónica de esta intervención que se integra perfectamente en el entorno del castillo mediante el uso de la madera y el respeto de la edificación original de la que parte y que…

CENTRO DE DOCUMENTACIÓN AMBIENTAL DOMINGO QUIROGA
Mención en Premio de rehabilitación 2023

El jurado destaca que se trata de una intervención contenida económicamente y también en escala, que podría servir de ejemplo para intervención comedidas en espacios dotacionales de pequeña escala en toda Galicia.…

Premio especial á sustentabilidade

Non hai mencións para esta categoría