- MARÍA JOSÉ NÚÑEZ CORBAL, ARQUITECTA
- LAURA PRIEGUE GONZÁLEZ, ARQUITECTA
O proxecto, que ocupa unha situación limítrofe entre a escala humana das vivendas do Casco Histórico e o recinto amurallado de defensa da cidade, formaliza o cambio de escala mediante unha incisión practicada na fachada orixinal en continuidade coa ampliación da planta superior. O proxecto estende pola nova fachada un sistema de contraventás encartables, que permiten regular á demanda tanto a privacidade coma a exposición solar da vivenda. A fachada toma vida propia no movemento diario das pezas, facendo explícito un rexurdir da edificación. O emprego da madeira tratada en crudeza, enlaza o pasado e o futuro do Casco Vello sen fisuras, e polo tanto xustifica a colonización do resto da edificación, estendéndose hasta o baixo para acoller o acceso ao garaxe. Optamos polo tanto por unha solución de intervención de xesto firme e sinceridade construtiva palpable: o propio corte preciso para o acceso dos vehículos, imprescindible para favorecer unha RE-HABITACIÓN do Casco Vello non xentrificada, practícase á vista nun xesto unificado co engadido da planta superior. A solución conserva o ritmo tradicional de ocos, e salienta a contención do terreo que ofrece a propia edificación, á vez que formaliza unha nova escala para a edificación que se integra perfectamente no lugar. Funcionalmente, emprégase o patio traseiro coma espazo de comunicación vertical e horizontal. O acceso principal ás vivendas se produce dende o xardín da muralla na rúa Hortas. Baixo un teito acristalado se instala unha pasarela de madeira que da acceso individual ás dúas vivendas e, ao fondo, á escaleira de caracol que comunica co garaxe dous niveis por debaixo. Ambas vivendas aproveitan as vistas e maior iluminación da planta ampliada para situar á area de día. A luz accede filtrada ao interior a través das lamas de madeira, empregando coma equilibrio lumínico as escaleiras de saída ás terrazas. Os sistema de contraventás alcanza perfectamente o seu obxectivo: regulación de temperatura e privacidade. Un interior no que ver sen ser visto, gozando dun xardín privilexiado con vistas no centro da cidade. As vivendas encáixanse nun quebracabezas dimensional cun condicionante estrutural: a non aparición de piares centrais para dispoñer dunha manobra óptima para os coches. Para isto deseñouse unha viga-muro separando ambas vivendas na planta segunda e servindo de soporte aos forxados superiores. Ambas escaleiras se aproveitan en toda a súa altura para acoller espazos de almacenamento e servizo das vivendas. Os dormitorios se sitúan prioritariamente con fiestras á fachada principal. Empréganse acabados en madeira de carballo e revestimentos continuos de cal e arxilas naturais, contrastando con exteriores en pedra, formigón e aceiro galvanizado, co contrapunto das carpintarías e contraventás de madeira.