Bases do concurso

Primeira. Modalidades de premios
Establécense as seguintes modalidades de premios:

  1. Premio galego de arquitectura 2025. 
    O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura 2025 entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou unha ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal.
    Dotación económica: 7.000 euros. 
     
  2. Premio galego de rehabilitación 2025.
    O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación 2025 entre os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.
    Dotación económica: 7.000 euros.
     
  3. Mencións.
    Entre as actuacións que non obtivesen premio, poderán ser obxecto de mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
     
  4. Premios especiais. 
    O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a seguir: 
     
    • Á sustentabilidade 2025, destinado a destacar aquela actuación, de uso residencial ou dotacional, que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras. 
      Dotación económica: 7.000 euros.
       
    • Á traxectoria profesional 2025, destinada a recoñecer a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura no territorio galego nas categorías de arquitecto/a e aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a.
      Dotación económica: 7.000 euros para cada unha das categorías
       
  5. No suposto de que o xurado concedese algúns dos premios ex aequo, a dotación económica da modalidade ou categoría do premio repartirase entre as candidaturas premiadas.
     

Segunda. Condicións dos proxectos e das persoas premiadas

  1. Poderán optar aos premios, agás o especial á traxectoria profesional 2025, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2024. 
     
  2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.
     
  3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional 2025 as persoas arquitectas, aparelladoras e arquitectas técnicas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.

Terceira. Presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025

  1. As entidades que, segundo a base quinta, teñan representación no xurado, poderán presentar candidaturas para os premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025.
     
  2. A presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025 poderá realizarse dende o sétimo día natural seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de maio de 2025.
     
  3. A presentación das candidaturas require que, previamente, a través da aplicación informática que, para estes efectos, figura na páxina web do IGVS, se achegue a seguinte documentación:
     
    1. Autorización das persoas autoras dos proxectos á entidade propoñente para presentar a súa candidatura, así como o seu consentimento expreso ao IGVS para poder publicar, difundir e dar publicidade aos proxectos e ao material achegado coa proposta, segundo o modelo dispoñible na devandita aplicación. No suposto de que se presenten conxuntamente un elevado número de candidaturas, estes anexos poderán substituírse por unha declaración responsable da entidade propoñente de que conta coas ditas autorizacións de todas as persoas autoras dos proxectos propostos.
    2. Imaxes: admitirase un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato jpg, relativos ao correspondente proxecto.
    3. Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.
    4. Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.
    5. Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos sobre o proxecto proposto.
    6. Os proxectos que se presenten para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos. 
      Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.
       
  4. Cumpridas as formalidades anteriores, a aplicación informática xerará un documento resumo da documentación presentada, en formato pdf.
     
  5. As candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025 presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal que figura como anexo II.
     
  6. As entidades propoñentes deberán achegar coa proposta o documento resumo da documentación presentada na aplicación da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
     
  7. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das entidades propoñentes presenta a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da documentación aquela na que fose realizada a emenda.
    Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
     
  8. As entidades propoñentes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o xurado poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade propoñente, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
     
  9. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados.
     
  10. Os proxectos propostos poderán ser visualizados na ligazón que, para estes efectos, se dispoña na páxina web do IGVS.
     
  11. A documentación presentada quedará á disposición da organización dos premios, que poderá utilizala para a súa difusión en calquera tipo de formato ou soporte.

Cuarta. Propostas de premios á traxectoria profesional 2025
As propostas para o outorgamento dos premios á traxectoria profesional 2025 serán presentadas no seo do xurado polas entidades con representación nel, e deberán vir avaladas pola correspondente xustificación.

Quinta. Composición do xurado

  1. O xurado estará presidido pola persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Así mesmo, formarán parte do xurado, as seguintes persoas:
     
    1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
    2. A persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.
    3. A persoa titular da Dirección Técnica de Edificación e Calidade do IGVS.
    4. A persoa que designe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
    5. A persoa que designe a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.
    6. A persoa que designe a Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
    7. A persoa que designe a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña.
    8. A persoa que designe o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
    9. A persoa que designe o Consello Galego da Arquitectura Técnica.
    10. A persoa que designe a Federación Galega da Construción.
    11. A persoa que designe a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.
  2. Actuará como secretario/a do xurado a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

Sexta. Funcionamento do xurado

  1. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
     
  2. As reunións do xurado celebraranse nas datas sinaladas pola súa presidencia e terán lugar na sede que o IGVS ten en Santiago de Compostela. Tamén poderán celebrarse telematicamente se así o acorda o xurado.
     
  3. Corresponde á presidencia do xurado a interpretación das presentes bases, así como a resolución daqueles aspectos non determinados nelas.
     

Sétima. Deliberacións e decisión do xurado

  1. Nas candidaturas aos premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025, o xurado poderá realizar unha selección previa de proxectos finalistas, entre os cales se elixirá un ou varios proxectos gañadores para cada unha das modalidades dos premios. Así mesmo, o xurado poderá facer mencións honoríficas, sen dotación económica, a aquelas actuacións que aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
     
  2. As decisións do xurado tomaranse por maioría dos presentes na deliberación e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da súa presidencia.
     
  3. O xurado poderá declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen o mérito necesario para acadaren a distinción, así como conceder o premio ex aequo a máis dun proxecto.
     
  4. O xurado emitirá a súa decisión, con mención aos valores dos proxectos galardoados que os fan meritorios da distinción recibida.
     

Oitava. Difusión e publicidade 

  1. O IGVS poderá publicar na súa páxina web os proxectos presentados e, de ser o caso, os seleccionados como finalistas polo xurado, os mencionados e, en todo caso, os galardoados.
     
  2. Tras a decisión do xurado, daranse a coñecer os proxectos premiados e farase entrega, en acto público, dos correspondentes galardóns ás persoas premiadas.
     
  3. O IGVS dará a correspondente publicidade, tanto ás persoas galardoadas como aos proxectos premiados, e pode, para tal efecto, utilizar o material achegado coa proposta de candidatura, así como proceder á súa divulgación a través das publicacións, exposicións, conferencias ou calquera outra actuación que coide oportuna.