A Xunta de Galicia premiará aos mellores proxectos arquitectónicos de edificacións realizados nos últimos anos nos eidos da arquitectura e a rehabilitación a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional dunha persoa arquitecta no territorio galego.
O obxectivo dos premios é o impulso á excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación recoñecendo a calidade das edificacións rematadas nos anos 2018 e 2019, tanto de obra nova como de rehabilitación. Especial mención merecen os premios especiais de sustentabilidade e á traxectoria profesional. O primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente, en particular a Estratexia Galega de cambio climático e enerxía 2050. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.
Os premios, que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun valor total de 24.000 euros, teñen as seguintes modalidades e dotacións:
- Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €
- Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €
- Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
Premios Especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:
a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 6.000 €
b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego. Dotación económica: 6.000 €.
Poderán optar a estes premios, agás o especial á traxectoria profesional 2020, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2019 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas autoras dos proxectos deberán ser profesionais da arquitectura. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.
A presentación das candidaturas será realizada por parte dalgunha das institucións que formarán parte do xurado, que estará presidido pola Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo; Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.
Caixa de suxestións:
O IGVS pon a disposición do público en xeral una caixa de suxestións na aplicación premiosarquitectura.xunta.gal. á que poden remitirse suxestións para que o organismo, como entidade do xurado, poda telas en conta para facer a proposta prevista nas bases para os premios galegos de arquitectura, de rehabilitación e ao especial á sustentabilidade.
Na caixa de suxestións indicarase a modalidade do premio para a que se presenta a suxestión, a localización da obra, a descrición do proxecto, a data de terminación da obra e os datos identificativos da persoa autora do proxecto (nome/razón social e enderezo).
Deberá achegarse a documentación prevista nas bases:
- Imaxes: Un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato .jpg, relativos ao correspondente proxecto.
- Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.
- Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.
- Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos, sobre o proxecto proposto.
- Para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.
A continuación poderanse consultar as bases do concurso daa edición de 2020:
Os arquitectos galegos, cando falan da obra e da persoa de Manuel Gallego Jorreto, saben que están ante a figura dun mestre e dun referente. Na súa obra cristalizan temas, intereses e preocupacións que son comúns á Arquitectura contemporánea, entendida na súa dobre vertente, a cultural-artística e a utilitario-funcional. Estes son: A análise rigorosa do lugar e do seu contorno (topografía, orientacións, pendentes, edificacións adxacentes, etc...), buscando neste as leis e ideas que rexerán a racionalización do proxecto, de forma que a arquitectura resultante, se implante entendendo e adaptándose ao lugar. Arquitectura do lugar. O estudo crítico do programa de necesidades, para que o edificio responda de forma eficiente e adecuada ao uso previsto. Arquitectura útil. Arquitectura como idea construída, mediante o desenvolvemento dun proxecto, que fai que as ideas se materialicen nunha forma eficaz, sensata e ben construída, ao largo do ciclo de vida da edificación. Arquitectura eficiente e sostible. A coidadosa elección de materiais e acabados, que ancoren visual e construtivamente a arquitectura ao contorno, así mesmo estes materiais combínanse combinados de forma harmoniosa, logrando presentarse ante o usuario como un conxunto harmonioso e ben temperado. Arquitectura matérica. A obra de Gallego nútrese dunha dobre tradición arquitectónica: a arquitectura popular galega e a mellor arquitectura moderna española do século XX, que pode representar a obra e o maxisterio de Alejandro de La Sota entre outros, pero sen caer nunca na repetición mimética nin na imitación formal sen máis. Pola contra condensa ambas tradicións ata lograr unha obra contemporánea, local e universal a un tempo, rica en matices e significados, que se lee e dialoga á perfección desde as distintas escalas de proxecto, desde a cidade ata a escala 1:1 de calquera dos seus ben concibidos e executados detalles.