O conxunto do Pazo de Toubes encóntrase no lugar de Riobó,parroquia de San Miguel de Osmo, Concello de Cenlle e comarca do Ribeiro. En Ourense. Moitas organizacións territoriais, moita historia, moitas vidas individuais e moitas paisaxes superpostas. As edificacións centrais, moi alteradas, databan do século XVIII. Tiñan nome: “Pazo dos Toubes” ou “Casa do Outeiro”. Xa o Marqués da Ensenada recollíao no seu catastro…unha casa nun alto, coa súa cociña, cabaleiriza e bodega terrena no lugar de Outeiro. E todo entre viñas e socalcos, dominando o val do Avia, ao que desde a Casa Grande, chegaba a auga dun regato innominado pero construído con sillares de granito. ¡Se don Alvaro Cunqueiro levantara cabeza… chamarlle a un río en Galicia innominado! o lugar tiña Memoria cando chegamos. Era imprescindible escoitala. Falaba de pedra, de auga e de vide. Ulía a viño e a viñedo. A Casa Grande, a bodega e o lagar constituían o centro da parcela pacega. Pequenos elementos de valor arquitectónico, pontellas, muros, fontes, escudos…, esculpidos ou labrados mostraban unha paisaxe culta, dura pero amable. O Plan Xeral con bo criterio, establecera unhas poucas regras para que o que se fixese, se fixese con sentidiño. A xente de Viña Costeira confiou en nós para intervir e ante isto so cabía actuar con responsabilidade, utilizando o oficio de Arquitecto como ferramenta. Xa se levaran adiante algunhas actuacións entón, a consolidación inacabada de parte da bodega, a construción de novos socalcos que contrastaban cos tradicionais. O estado constructivo do conxunto era deficiente, amenazaba ruína e o que era máis preocupante, amenazaba perda. Contábamos cun buen aparellador, ─que palabra tan importante esa de aparellar─, e operarios que coñecían o seu oficio. Eran datos que había que asumir o aproveitar. A Cooperativa quería rehabilitar o conxunto e dotalo de nova actividade. Unha restauración sen uso non é sostible. O propósito pareceunos axeitado, sensato. Inicialmente tratouse máis dunha estratexia que dun proxecto arquitectónico: acometer a actuación con carácter global, pero desde o fragmentario para facela sostible. A partir de alí definiuse o programa. Tratábase de integrar a convivencia do uso produtivo vencellado ao viño, con otros usos complementarios, en especial o enoturístico; recuperar a bodega tradicional como espazo de maduración e cata; recuperar tamén, o contorno desta bodega para o seu funcionamento integrado no conxunto; limpar e ordenar os socalcos en producción próximos ao edificado e facelos accesibles, para que novos usuarios poidesen disfrutalos en convivencia cos usos produtivos; necesitábase, como condición indispensable, xerar un espazo de amplas dimensións para a celebración de eventos, que permitise manter economicamente a actuación, sen violentar a paisaxe; era imprescindible a consolidación das edificacións do Pazo das que se dispoñía, para preservar as súas características construtivas, e poder actuar sobre elas no futuro. A idea de proxecto foi completar o lugar, pregarse a el e a súa Memoria e dar resposta ordenada ás funcións que debían producirse. Os materiais e as técnicas construtivas debían ser as adecuadas a cada actuación; tradicionais ou contemporáneas segundo o caso.