A actuación comprende a reforma integral de dous edificios de oficinas existentes, a construción dun novo edificio de conexión entre ambos e a urbanización da súa contorna. O forte carácter industrial da localización orienta os criterios de intervención e deseño, introducindo novos valores de sustentabilidade, dimensión humana e conservación do seu propio patrimonio. O novo carácter da intervención transcende o seu ámbito inicial, amabilizándoo e humanizándoo en todas as súas dimensións á vez que incorpora e convive coa paisaxe forestal e industrial circundante.
A proposta está baseada na sinxeleza de formulación, organización e composición, con espazos abertos e flexibles. Definición consensuada e mediante un exhaustivo proceso participativo de todas as áreas e departamentos e usuarios do edificio co equipo de arquitectos.
Preténdese con iso imprimirlle á edificación un carácter propio e acorde coa filosofía de traballo da empresa, que reflicta e se adapte á súa constante evolución.
Os novos recintos constrúense como un lugar común para traballadores da empresa e visitantes. Un espazo para o encontro e a convivencia máis aló do traballo, que dota a sede dunha imaxe representativa máis aberta e moderna e pon en valor a orixe industrial, natural e material da que procede FINSA.
No novo edificio de conexión e acceso principal, óptase por unha retícula estrutural ordenadora do espazo, que conxuga a dimensión, a adecuación do programa de necesidades e a relación co exterior e a luz natural; unha planta libre de gran versatilidade.
O uso da madeira, os acabados claros e o aproveitamento da luz natural é xeneralizado e visible tanto no novo edificio como nos reformados, o que lle dá continuidade espacial a todo o conxunto e dota os interiores da maior luminosidade posible, unha atmosfera
serena e confortable.
A captación e control da maior iluminación natural posible foi un dos factores clave no deseño do proxecto. Recurso limitado e prezado en boa parte do ano pola meteoroloxía local que se intenta maximizar mediante o deseño dos ocos da fachada e de lucernarios na cuberta, coa achega complementaria autorregulada da iluminación artificial.
A sinxeleza volumétrica faise extensiva ao propio deseño das fachadas, que se proxectan con peches de vidro e celosías de protección solar, fixas en existentes e regulables na conexión, onde a carpintería oculta potencia a sensación de «conexión» visual entre os dous edificios existentes, así como entre as visitas, a paisaxe e o exterior do recinto, co propio edificio e a fábrica.
A proporción e deseño das proteccións solares exteriores é froito do estudo paramétrico da luz solar a través dos ocos do edificio. Permiten manter esta achega de luz natural todo o ano garantindo as visuais exteriores da paisaxe natural e industrial e a necesaria protección contra o sobrequecemento nos meses de verán.
Baixo os lucernarios de cuberta, engádense uns grandes brise-soleis brancos que axudan á reflexión e difusión interior da luz natural reflectida e ademais integran no seu canto inferior tiras led de iluminación artificial autorregulables que permiten manter o grao de luminosidade interior desexado.
As cubertas vexetais de todo o edificio unicamente se interrompen no punto central da conexión, onde numerosos lucernarios contribúen a mellorar a iluminación natural e a calidade dos espazos, introducindo luz difusa abundante.
Funcionalmente, o edificio organiza as zonas de traballo en distintas áreas de planta libre ou aberta, articuladas ou segmentadas puntualmente por núcleos de comunicación, cabinas de videoconferencia e salas de reunións. Nun extremo da planta baixa sitúanse as áreas máis singulares coas dependencias do consello e dirección da empresa, así como o servizo médico. O edificio de acceso ou de conexión non alberga postos de traballo nin áreas departamentais. Na planta baixa sitúase o vestíbulo e un espazo polivalente a modo de «caseta». A planta primeira protagonízaa unha gran «praza» delimitada por diversas salas de reunións como punto de encontro de todas as áreas de oficinas.
A urbanización, actualmente en construción, resólvese de maneira peonil, como extensión do carácter interior dos espazos de traballo, axardinada con especies autóctonas como prolongación da paisaxe natural e forestal circundante galega.