CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL EN PONTEPEDRIÑA DE ARRIBA

Imaxen principal candidatura
-
Arquitecto
-
Arquitecto Técnico/ Aparexador
-
Promotor
-
Construtor
-
Data de inicio
-
Data de fin
-
PEM
-
Outros técnicos
-
Imaxe de premiado
CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL EN PONTEPEDRIÑA DE ARRIBA
Categorías nas que se presenta
Premio galego de rehabilitación
Sobre o proxecto

A Fundación Laboral da Construción atopou o lugar máis propicio para a construción do Centro Nacional de Referencia en Materia de Rehabilitación no antigo curtidoiro de finais do século XVIII de Pontepedriña de Arriba.

En efecto, considerando a forte presenza das edificacións existentes e o seu potencial, tívose en conta a necesidade de facer posible a integración do conxunto nun todo compatible. O «lugar» esixe a súa propia orde.

Na construción periférica que pecha o recinto coas características propias dos vellos curtidoiros tiñan que aloxarse os usos máis compatibles coa devandita tipoloxía sen requirir transformacións substanciais.

A nova edificación que completa a edificabilidade autorizada sitúase no centro do recinto, xunto ao río que discorre seguindo o eixe lonxitudinal dominante en dirección norte-sur. Esta nova construción de naves industriais queda recollida en ambos os extremos por dous corpos lonxitudinais paralelos ao río. A alternancia de naves e patios permite conferirlles transparencia aos espazos e compartir actividades comúns ao aire libre.

A topografía esixe que o curso de augas cara ao río non sexa interrompido. Polo tanto, a construción elévase respecto do nivel do terreo natural e, aproveitando a pendente do terreo, as naves dividen a súa altura en dous niveis no lado do río: o superior para aulas-taller e o inferior para o eixe de comunicación, oficina técnica e vestiarios.

As cabeceiras das naves que aparecen entre árbores sobre o muro do recinto, coa súa lixeira construción do cerramento de U-glass, manteñen a dimensión e presenza industrial e dan mostra da actividade construtora do Centro de Formación da Construción. Os paramentos laterais das naves, revestidos de pranchas de cortiza, intégranse con sutileza cos lenzos pétreos. O novo corpo de almacéns dunha soa planta acompaña a variada secuencia de volumes do vello curtidoiro. Este longo corpo está pechado en toda a súa lonxitude, para favorecer a ventilación, con portas corredías de dobre capa de táboa de madeira pintadas con vermello Falun. A súa escala, trazado, construción e cor resolve a integración do novo e do existente. A nova edificación prolóngase en forma de alpendre, ata se aproxima sen chegar a tocar as antigas naves, e configura un espazo a modo de praza. Por outra banda, delimita outro espazo verde arredor do pequeno bosque do extremo norte do recinto, ao cal se trasladou o hórreo situado anteriormente no centro deste. Un banco situado no centro da praza, rodeando tres grandes testos, delimita un espazo para o descanso e o acceso peonil ás aulas e outro para a circulación de vehículos de descarga. Os pavimentos exteriores materializan a traba entre o existente e o novo, consolidando a nova unidade do conxunto.