O proxecto parte dunha reflexión respecto do tipo de oficinas e propón unha maneira de traballar e investigar afastado do típico edificio grande e anónimo, con despachos todos iguais e espazos pouco interesantes.
Búscase unha certa «domesticidade» do lugar de traballo, onde a intimidade e o encontro sexan posibles. Un lugar que non estea definido e delimitado, senón que dalgunha maneira se reinventa cada día mediante a interacción co usuario. A organización da planta en corpos que se prolongan e integran no parque posibilita igualmente unha estruturación de cada departamento de maneira diferenciada e autónoma, facendo que os programas poidan verse ampliados no futuro tal e como se mencionaba nas bases do concurso.
Outro obxectivo esencial do proxecto foi construír unha forma sinxela e lóxica de maneira que resulte sutil pero clara. Buscamos unha imaxe facilmente recoñecible coa que resulta fácil identificarse, afastada da que habitualmente asociamos á maioría dos edificios de oficinas impersoais. A arquitectura resulta coherente neste sentido coa actitude da mesma empresa de Norvento.
A elección da sección a dúas augas, moi común e de evidente carácter doméstico» traslada os obxectivos referidos á realidade construída. A «cabana» construída resulta útil na medida en que se adapta moi ben aos distintos requirimentos do programa. A súa altura vai cambiando segundo as necesidades, xerando o perfil lonxitudinal, variado e rico visualmente, do conxunto. Pero esta sección vai máis aló da visión estritamente formal e lémbranos a esencia mesma da xeografía galega onde a auga de choiva e o bosque sempre están presentes.
O interior procura o equilibrio entre a sinxeleza e a sorpresa. A organización dos corpos en planta, que non é ortogonal, xera ricas xeometrías interiores, especialmente nos puntos de encontro, xeometrías que cualifican, sen dúbida, os espazos. A luz é importante. Sempre propoñemos divisións de vidro co obxecto de que a luz se traslade ao interior ou, alí onde sexa necesario, recórrese a lucernarios que provexan de luz este interior.
Moitos son os argumentos que xogan a favor do compromiso deste edificio co medio ambiente, especialmente se temos en conta que a actividade fundamental de Norvento está fundamentada na investigación neste campo. A lóxica e a sinxeleza como principios son, sen dúbida, básicos. Os grandes niveis de illamento e inercia, pero no que á materialización se refire, é importantísimo o uso da madeira de eucalipto en todas as fachadas. Esta madeira, moi común en Galicia, pero deostada e habitualmente utilizada para a fabricación de pasta de papel, foi utilizada tras desenvolver un «prego de condicións» específico con respecto a como aplicala na construción.
Con iso non só se desenvolveron as súas magníficas posibilidades técnicas, senón que se abriu un posible desenvolvemento futuro no que á explotación do eucalipto como gran riqueza forestal en Galicia se refire.
O edificio é autónomo enerxeticamente e non está conectado á rede. A colaboración entre os enxeñeiros da propia empresa e os arquitectos, coincidente coa idea de que a mellor maneira de facer unha arquitectura responsable co medio é, precisamente, facer mellor arquitectura, permitiu o desenvolvemento dun esquema enerxético desde o exercicio deste último que resultou exemplar.