Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016
A Xunta de Galicia premiará aos mellores traballos realizados nos últimos anos nos eidos da arquitectura e a rehabilitación a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional dun arquitecto galego destacado.
O obxectivo dos premios é o impulso á excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación recoñecendo a calidade das edificacións rematadas entre 2011 e 2015, tanto de obra nova como de rehabilitación. Especial mención merecen os premios especiais de sustentabilidade e á traxectoria profesional. O primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente en consonancia cos programas europeos e o Horizonte Europa 2020. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.
Os premios, que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun valor total de 20.000 euros, teñen as seguintes modalidades e dotacións:
- Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €
- Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €
- Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
Premios Especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:
a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implementación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 4.000 €
b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego, que o outorgará o xurado en base ás propostas formuladas polas entidades integrantes do xurado. O premiado deberá ser arquitecto. Dotación económica: 4.000 €.
Poderán optar a estes premios os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre os días 1 de xaneiro de 2011 e 31 de decembro de 2015 dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia. Os autores dos proxectos deberán ser arquitectos. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.
A presentación das candidaturas será realizada por parte de algunha das institucións que formarán parte do xurado, que estará presidido pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.